Luz Pozo Garza


Categoría: Profesora e escritora
Data de Nacemento: 21 de xullo de 1922
Lugar de Nacemento: Ribadeo (Lugo)
 Currículum

Cando tiña sete anos trasladouse coa súa familia a Viveiro, onde viviu ata 1936. Coa Guerra Civil, o seu pai, Gonzalo Polo y Pozo, de filiación republicana, é encarcerado e destituído do seu cargo de Inspector Veterinario. Coa inestimable axuda do irmán, Román del Pozo, alto funcionario de Facenda en Tetuán, a familia atopa seguridade en Marrocos. Alí retoma Luz o interrompido Bacharelato, superando o 3º e 4º cursos. En 1939, trasladado da fronte, falece no hospital militar de Jaca o seu único irmán, Gonzalo, de vinte anos. En 1940, reposto o pai no seu destino de Viveiro, volven a Galicia. Luz casa co seu profesor Francisco Vázquez Ramudo, licenciado en Ciencias Químicas e director da Academia "Minerva", e remata o bacharelato coa superación do 'exame de Estado' na Universidade de Santiago de Compostela. Nacen tres fillos: Gonzalo, Mónica e Luz. Licénciase en Filoloxía Románica pola Universidade de Oviedo e gaña a oposición a profesores adxuntos de instituto (logo "agregados"). Catedrática en 1980, casa en segundas nupcias co poeta Eduardo Moreiras en Vigo, onde se xubila sen deixar ata hoxe as actividades literarias. Ten, ademais, o título de Maxisterio e Piano Superior (Reais Conservatorios de Madrid e A Coruña). Pronunciou conferencias nas Universidades de Berlín, Heidelberg, Tréveris (1999) e Bruxelas (1999).

 Obras realizadas

POESÍA: Ánfora (1949), El vagabundo (1952), O paxaro na boca (1952), Cita en el viento (1962), Últimas palabras / Verbas derradeiras (1976), Concerto de outono (1981), Códice Calixtino (1986), Consagración de Trasalba (1989), Prometo a flor de loto (1992), Vida secreta de Rosalía (1996). Moitos dos seus poemas foron traducidos ó inglés, francés, alemán, ruso, portugués, catalán, etc. ENSAIO: A bordo de Barco sin luces ou O mundo Poético de Luis Pimentel (1990), Álvaro Cunqueiro: Herba aquí ou acolá (1991), Galicia ferida: a visión de Luis Seoane (1994), Ondas do mar de Vigo: erotismo e conciencia mítica nas cantigas de amigo (1996), Tres poetas medievais da ría de Vigo (con H. Monteagudo e Xosé Mª Alonso Montero) (1998). Dirixe en Vigo 22 números da revista "Nordés", fundada con Tomás Barros e tamén participa na revista "Clave Orión", de creación poético-literaria, crítica, música e arte. Realizou unha exposición individual de pintura no Concello da Coruña en 1981.

 Outros datos de interese

Recibiu os seguintes premios: Premio de la Cantiga, do Concello da Coruña, premio de Ensaio "Tomás Barros'', da Escola Universitaria de Maxisterio, premio de Poesía "González Garcés'', da Deputación da Coruña, premio "Mujeres Dinstinguidas'', de Diálogos 90, Vigo, premio "Creación Cultural Feminina'', da Xunta de Galicia e "Medalla Castelao", da Xunta de Galicia. É vicesecretaria da Real Academia Galega. Entrou en 1996 pronunciando o discurso Diálogos con Rosalía. É a primeira muller que ven de recibi-lo premio "Celanova, casa dos poetas".