Paco Rivas


Categoría: Profesor, filólogo e escritor,
Lugar de Nacemento: Cervo (Lugo)
 Currículum

Profesor de galego, filólogo, escritor, na década dos noventa exerce como Asesor de Lingua e Literatura galegas no CEFOCOP de Pontevedra; desenvolveu -e continúa a facelo- un amplo labor no ámbito da radio (Radio Cornellá, Radio Galega, Onda Cero, Radio Foz) en programas literarios onde fixo numerosas lecturas poéticas.

 Obras realizadas

Interesado en temas literarios, lingüísticos e antropolóxicos, colaborou na década dos oitenta no programa radiofónico Preescolar na Casa e na revista BuleBule que publicou mensualmente a editorial A Nosa Terra, e publicou artigos de carácter pedagóxico na revista O Cruceiro de Carral, así como diferentes estudos didácticos: O Concello nas aulas (1999), Festas de Galicia (1996), Oficios perdidos: léxico dos Ferreiros (1995), adaptacións dos contos O Misterio das Badaladas (1999) de Xabier P. Docampo e As Viaxes do Príncipe Azul (1999) de Darío X. Cabana. No eido da tradución, pasou do francés ao galego a obra Ensino e Análise Transaccional (Laiovento, 1998) de Marie J. Chalvin.

Ten numerosas colaboracións en revistas culturais e literarias, como a revista Nós do Centro Galego de Sabadell, en Ardentía e en Nova Andaina, publicación da Casa de Galicia de Santurtzi e levou unha sección de Poesía en Lúa Nova, da A.C.G. Rosalía de Castro de Cornellá (Barcelona). Participou en escolmas poéticas como 47 poetas de hoxe cantan a Curros Enriquez (2001), Homenaxe dos poetas de hoxe a Federico García Lorca contra a súa morte (2006), editado polo P.E.N. Clube de Galicia, ámbalas dúas coordinadas por Xesús Alonso Montero. Tamén na Antoloxía A gaita, o Gaiteiro e os gaiteiros na poesía galega (1853-2012). Edición, prólogo e notas de Xesús Alonso Montero no ano 2012.

Intensamente vencellado á súa paisaxe natal, especialmente ao mar, publicou o seu primeiro poemario en 1999, Cantaruxos do meu mar e outras cantigas, seguido dunha obra máis sensorial e intimista, De ti, perdidamente (2002), Palavras Perdudas (2007), Entre Nois e Pena Orxal (2009), Camiñante de Ningures (2012); no eido da narrativa ten publicado Contos de Onte para contar Mañá (2007), O Paraugas na raiola e outros relatos (2019) A lúa non era lúa (2021). Alén Mundo (Edicións Fervenza 2021).

No ámbito lingüístico e lexicográfico publicou Expresións e ditos Populares da Área Mindoniense (1992, A Gheada no Concello de Ordes (1992), Fraseoloxía do mar na Mariña luguesa (2000), editado polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e o Dicionario Fraseolóxico do mar. Así falan os mariñaos, editado por “A Nosa Terra” en 2005. Do ano 2015, publicados por Edicións do Cumio son o seu dicionario fraseolóxico: De Punta a Chicote. Así falan os mariñaos e un libro-disco con CD incorporado titulado TRACA TRACO 24 cantigas de nanar un aloumiño e un arrolo. Na gravación aparecen voces coma as de Miro Casabella, Najla Shami, Lydia Botana; Tereixa, Carmiña e Maruxa de Fuxan os Ventos, o grupo Tundal con Antón Castro, entre outros, e tamén aparece a voz de Paco Rivas... Do 2016, tamén publicado por Edicións do Cumio é Entre o abalo e a zaranda. Dicionario léxico do mar. Publicado por edicións Embora no 2019 é un estudio da Talasonimia da costa de Lugo... De Ribadeo ó Barqueiro, navegando a son de costa é o seu título; deste mesmo ano 2018 publicado pola editorial Baía un libro de relatos titulado MAR...USÍA que ten como protagonista o mar de Nois; tamén deste ano son unha Escolma Poética e un libro infantil: Picaraxadas.

Do 2021 Talasonimia da Mariña luguesa. Os nomes do mar. (Edicións Embora 2021)

Do 2022 son os poemarios Rosas Envaíñadas, E Despois (A pandemia como protagonista en ambos), Auxías, Romance de don Dinís e dona Helena.

Do 2023 na Editora Balea (E. Embora), Posdata quérote