Julio Fernández


Categoría: Presidente de Filmax Entertainment
Lugar de Nacemento: A Fonsagrada (Lugo)
 Obras realizadas

Casado e con dúas fillas, vive en Barcelona desde finais dos 60 e é un dos artífices da nova etapa da industria audiovisual española. Foi condecorado pola Xunta de Galicia coa Medalla Castelao, unha das distincións máis importantes que concede o Goberno galego. Filmax creouse en 1953 como distribuidora dos grandes éxitos da cinematografía norteamericana. Desde o estreo de ‘Moulin Rouge’, o clásico de John Huston, son máis de oitocentas as longametraxes distribuídas por Filmax en España. Actualmente constitúe unha das principais organizacións industriais independentes do sector audiovisual español. Está centrada na creación, produción, distribución e exhibición de contidos de ficción e animación. Creou un selo cinematográfico propio de xénero fantástico, FANTASTIC FACTORY. En 1987, Julio Fernández adquire a marca Filmax, que utiliza comercialmente nos novos mercados do vídeo e a televisión. Rehabilitada como marca de distribución de éxitos internacionais, inicia a súa evolución como industria integral do audiovisual. En 1999, Filmax entra de cheo na produción de contidos audiovisuais desde España para o mundo. A creación do selo cinematográfico de xénero fantástico, Fantastic Factory, tivo gran acollida nos mercados internacionais, como tamén foron ben recibidas as producións de Filmax Animation e recentemente, as de Filmax TV. En 2001, Filmax inaugura o multisalas FILMAX GRANVÍA con quince pantallas no Centro Comercial Granvía de L’Hospitalet (Barcelona). Dous anos despois, o proxecto empresarial de Filmax consolídase coa incorporación no seu capital das institucións ICF (Generalitat de Cataluña), XES GALICIA (Xunta de Galicia), SEPIDES (Goberno Español) máis as entidades de aforro Caixa Laietana, xunto a Spinnaker do Grupo Riva e García, formando o actual FILMAX ENTERTAINMENT.

 Outros datos de interese

É membro da Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas de España, vicepresidente de FAPAE (Federación de Asociaciones de Productores Audiovisuales Españoles), conselleiro da xunta directiva de EGEDA (Entidad de Gestión de Derechos de los Productores Audiovisuales), patrón da Fundación Privada ESCAC (Escola Superior de Cinema i Audiovisual de Cataluña) da Universidade de Barcelona e Presidente da Asociación de Empresarios Galegos de Cataluña.